viernes, septiembre 15, 2006

Aniversarios fúnebres

Vendo o outro día o inevitable documental sobre o 11S, dábame conta do importante que foi e que é para as persoas (que non xente) os afectos nas situacións límite. Recoñezo que non vin enteiro o documental, nin ganas tiña de recrearme na morte de tanta xente, pero iso chamoume a atención porque ó día seguinte un dos protagonistas reais daquela traxedia aérea que levou á uns mozos a ter que sobrevivir nos Andes durante máis de dous meses , recalcaba do mesmo xeito a importancia dos afectos, das persoas que queres e o que vale a súa compaña nas situacións límite.
Trasladado a Madrid e a miña vida (recordemos que este blog non é máis que un puro exercicio de egocentrismo) o que máis lembro do 11M foi precisamente iso. Todas as mostras de cariño e preocupación que ocorrían ó meu redor: a primeira chamada antes de que todos os teléfonos se colapsasen de Silvia preguntando onde estaba, o tremendo abrazo que me din con Bárbara cando a vin e souben que estaba ben, a compaña dos meus compañeiros de traballo mentres xuntos facíamos o reconto angustiados por todos aqueles que nos faltaban, os abrazos de todos ós compañeiros á un dos comerciais cando se marchou a buscar a súa muller que non voltou a aparecer, a tarde que pasei ó baixar da empresa dixerindo o ocurrido paseando cun amigo que se ofreceu a facerme compaña por Madrid. Maldecín a cea que pasei sóa e a noite que non me deixaba respirar, agradecín a todas as persoas que me rodeaban na manifestación, e a todas ás que coma min voltaron a coller o cercanías en canto estivo operativo. Supoño que cando algo así pasa no teu entorno ves que é realmente importante, e tamén a quen tes, e tamén, desafortunadamente, quen cando ti pensabas que ía estar, che falta

No hay comentarios: